ESTATUTOS
CAPÍTULO I
DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1. A asociación denomínase Asociación de profesionais do persoal de servizos técnicos da Xunta de Galicia e acóllese ao réxime xurídico da Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, e normas complementarias, ten capacidade xurídica e plena capacidade de obrar, carecendo de ánimo de lucro e está integrada polos membros da devandita especialidade que voluntariamente o soliciten e cumpran os requisitos establecidos nestes estatutos.
Artigo 2. O ámbito territorial da Asociación vén delimitado pola Comunidade autónoma de Galicia, podendo establecer as delegacións, oficinas e dependencias que a xunta directiva estime oportunas.
A asociación debidamente autorizada ao efecto fixa o seu domicilio en calle República Argentina nº24 1º O Carballiño C.P:32500 a páxina web: http://www.xuntasstt.es.tl/ e correo electrónico: xunta-sstt@terra.es podendo ser trasladado posteriormente por acordo da Asemblea Xeral que se deberá inscribir no rexistro correspondente.
As sesións da Asemblea Xeral de socios poderanse celebrar no lugar e domicilio que a Xunta Directiva estime convenientes.
Artigo 3. A Asociación de profesionais do persoal de servizos técnicos da Xunta de Galicia poderase federar, sen perder a súa personalidade e o seu patrimonio, con outras asociacións ou organizacións profesionais cuxos fins sexan análogos e que se poidan harmonizar con aquela.
CAPÍTULO II
FINS DA ASOCIACIÓN
Artigo 4. Son fins da asociación:
a) O fomento da solidariedade, da comunicación e das relacións entre os asociados mediante a correspondente información e intercomunicación.
b) O desenvolvemento e a promoción dos intereses sociais dos mesmos.
c) A colaboración coa administración co fin de fixar as condicións máis axeitadas para a prestación dos seus servizos e na elaboración das disposicións que afecten a estes empregados públicos mediante a súa participación nos órganos correspondentes.
d) Velar polo prestixio dos membros asociados e pola maior eficacia da súa función.
e) Promover o espírito de servizo á sociedade que implica o exercicio da función pública.
f) A organización de cursos e conferencias, a edición de publicacións e en xeral a realización de calquera actividade que busque unha mellora na formación profesional dos asociados.
g) Facilitar o achegamento entre os profesionais, unificar criterios a nivel profesional ou intelectual e formular directrices comúns para o mellor desenvolvemento da profesión.
h) Programar, organizar e colaborar nos labores formativos e de promoción dos membros.
Artigo 5. Para o cumprimento destes fins realizaranse as seguintes actividades:
a) Xestionar a actividade asociativa dos seus membros.
b) Elaborar informes profesionais a solicitude da Administración e por iniciativa propia.
c) Relacionarse e cooperar con outras asociacións e colexios profesionais.
d) Calquera outra actividade acorde cos fins da asociación.
Os presentes estatutos serán cumpridos mediante os acordos que validamente adopten a xunta directiva e a asemblea xeral dentro das súas competencias respectivas.
CAPÍTULO III
DOS ASOCIADOS
Artigo 6. Poderán ser membros da asociación, a petición propia, os empregados públicos aos que alude o artigo número un.
As peticións de ingreso serán aprobadas polo consello directivo sempre que concorran no solicitante as condicións precisas para pertencer á asociación.
Artigo 7. Dentro da asociación existirán as seguintes clases de socios:
a) Socios fundadores, que serán aqueles que participaron no acto de constitución da asociación.
b) Socios de número, que serán os que ingresen despois da constitución da asociación.
c) Socios de honor, os que polo seu prestixio ou por contribuír de modo relevante á dignificación e desenvolvemento da asociación sexan merecedores de tal distinción. O nomeamento dos socios de honor corresponderalle á xunta directiva.
Artigo 8. A condición de asociado perderase:
a) Por baixa a petición do interesado, que non se poderá reintegrar á asociación ata que pase un ano.
b) Por expulsión decretada, por causa xusta, previa audiencia do interesado, polo consello directivo, o acordo deste será recorrible ante a asemblea xeral na primeira sesión inmediata ao acordo de expulsión.
c) Por falta de pago da cota asociativa durante seis meses consecutivos sen atender o requirimento formal do aboamento.
d) Por cesación da relación laboral de acordo co previsto na lexislación vixente.
CAPÍTULO IV
DEREITOS E DEBERES DOS ASOCIADOS
Artigo 9. Son dereitos dos asociados:
a) Participar nas actividades e utilizar os servizos da asociación establecidos con carácter xeral no beneficio dos seus asociados.
b) Ser electores ou elixibles na provisión de postos dos órganos reitores da asociación.
c) Recibir copia dos estatutos e das súas modificacións.
Artigo 10. Son deberes dos asociados:
a) Cumprir as normas dos estatutos.
b) Acatar as resolucións dos órganos reitores da asociación sen prexuízo dos recursos que, no seu caso, sexan procedentes.
c) Asistir ás asembleas xerais, podendo delegar a súa representación por escrito noutro asociado.
d) Aboar as cotas asociativas que a asemblea xeral estableza.
CAPÍTULO V
DOS ÓRGANOS REITORES
Artigo 11. Son órganos de goberno e administración da asociación:
a) A asemblea xeral.
b) A xunta directiva.
Sección primeira
DA ASEMBLEA XERAL
Artigo 12.
1) O presidente da asociación será designado pola Asemblea Xeral entre os socios que teñan, polo menos, un ano de antigüidade e o seu mandato durará tres anos. Será asistido nas funcións por o secretario, que o substituirá nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.
2) O presidente terá as seguintes atribucións:
a) Representa-la asociación perante calquera organismo público ou privado.
b) Convocar e presidi-las sesións que celebre a Xunta Directiva; presidi-las sesións da asemblea xeral; dirixi-las deliberacións dunha e outra, e decidir con voto de calidade, no caso de empate.
c) Executa-los acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.
d) Ordena-los pagamentos acordados validamente.
e) Asina-las actas, certificados, pagamentos e outros documentos da asociación xunto co secretario ou membro da Xunta Directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.
3) A asemblea xeral é o órgano supremo da asociación. Estará integrada por todos os seus membros e adoptará os acordos por maioría simple, excepto o exposto no punto 8 deste artigo, sendo estes de cumprimento obrigado para todos os asociados, mesmo os disidentes e os ausentes.
4) A asemblea xeral será presidida polo presidente da Xunta Directiva, actuando en calidade de mesa da mesma os restantes membros da devandita Xunta Directiva.
5) A asemblea xeral celebrará sesións ordinarias e extraordinarias. As sesións ordinarias terán lugar polo menos unha vez ao ano. As sesións extraordinarias levaranse a cabo cando así o acorde a Xunta Directiva, cando o soliciten por escrito a terceira parte dos membros da asociación, debendo, neste caso, expresarse o obxecto das convocatorias.
6) As convocatorias das asembleas xerais realizaranse por escrito expresando o sitio, día e hora da reunión, así como a orde do día con expresión concreta dos asuntos que se van tratar. Entre a convocatoria e o día sinalado para a celebración da asemblea en primeira convocatoria deberá haber como mínimo quince días, debendo facerse constar a data e hora na que se reunirá a asemblea en segunda convocatoria sen que entre unha e outra poida mediar un prazo inferior a vinte minutos.
7) A Asemblea Xeral quedará validamente constituída, en primeira convocatoria, cando concorra a ela, persoalmente ou por representación, a maioría simple dos asociados. En segunda convocatoria quedará validamente constituída calquera que sexa o número de asistentes.
8) Para a adopción de acordos válidos será necesario o voto favorable da maioría simple dos asociados concorrentes, por si ou por representación. Pola contra, cando eses acordos se refiran ou impliquen modificacións dos estatutos, requirirase para a súa validez o voto favorable dos dous terzos dos socios concorrentes, persoalmente ou por representación.
9) Para que os acordos que impliquen a modificación dos estatutos ou se refiran á federación ou confederación da asociación con outras entidades sexan válidos requirirase:
a) Que expresamente figure na orde do día a modificación pretendida.
b) A concorrencia da maioría absoluta dos asociados.
c) O voto favorable das dúas terceiras partes dos concorrentes, por si ou por representación.
10) O acordo sobre a disolución da asociación, no seu caso, requirirá para a súa validez o voto favorable das dúas terceiras partes do total dos seus membros.
11) Os acordos da asemblea xeral consignaranse no libro de actas correspondente que será custodiado polo secretario e poderá ser consultado por todos os asociados.
Artigo 13. Cando a Xunta Directiva da asociación estime que existen razóns de urxencia non será necesario o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo anterior para convocar a asemblea. En tal caso será suficiente con que a convocatoria se anuncie por telegrama ou outro medio que confirme a convocatoria a cada un dos asociados, quedando validamente constituída cando concorran polo menos o 25% dos seus membros e acorden, por maioría de ¾, fisicamente ou por representación, constituírse en asemblea.
Este artigo non será de aplicación nos supostos contemplados nos puntos 8 e 9 do artigo anterior.
Artigo 14. Os asociados que desexen someter a votación en asemblea xeral algún tema de interese particular non incluído no tema do día deberanllo solicitar por escrito a Xunta Directiva cun mínimo de cinco días de antelación á data sinalada para a celebración da asemblea.
Artigo 15. A asemblea xeral ordinaria coñecerá e resolverá, entre outros, os seguintes asuntos:
a) Aprobación e modificación dos estatutos.
b) Nomeamento, separación e renovación de cargos no consello directivo cando proceda.
c) Aprobación, no seu caso, da acta da última sesión celebrada con anterioridade.
d) Liquidación e aprobación, se procedese, das contas do exercicio anterior e aprobación dos orzamentos para o exercicio correspondente.
e) Fixación e modificación das cotas ordinarias e extraordinarias que pagarán os asociados. Estas cotas serán a fondo perdido e unha vez que estean formalizadas non serán devoltas en ningún caso.
f) Resolución dos recursos que se interpoñan en relación coa admisión e separación de asociados.
g) Calquera outro incluído na orde do día así como os rogos e preguntas que xurdan en cada sesión.
Artigo 16. Toda asemblea xeral de asociados que non estea prevista no artigo anterior e, en particular, a que teña por obxecto tratar temas relativos á federación e confederación da asociación con outras similares, a afiliación a elas ou a disolución da propia asociación terá a consideración de extraordinaria.
Sección segunda
A XUNTA DIRECTIVA
Artigo 17. A Xunta Directiva estará integrado por un presidente e catro vogais entre os que a propia Xunta Directiva designará a quen teña que desempeñar os cargos de tesoureiro e secretario.
1) Os que desexen presentarse como candidatos ao consello directivo deberan presentar as súas candidaturas ante este cun mes de antelación.
2) Os asociados poderán votar ata un máximo de catro candidatos entre os presentados.
3) O voto para a elección da Xunta Directiva será directo, individual e secreto, podendo emitirse mesmo por correo. Elixiranse os cinco candidatos que obteñan o maior número de votos, deles ao candidato con máis número de votos corresponderalle o cargo de presidente. O Xunta Directiva designará entre os seus membros os asociados que vaian exercer os cargos de secretario e tesoureiro.
4) Os membros do Xunta Directiva serán renovados cada tres anos, salvo moción de censura contra algún dos seus membros que deberá ser promovida pola sinatura das 2/3 partes dos asociados e resolverse en asemblea xeral convocada en sesión extraordinaria.
5) As sesións do Xunta Directiva terán lugar previa convocatoria que efectuará o secretario co visto e prace do presidente do consello. Os resultados das deliberacións serán inscritos no libro de actas e referendaranse coas sinaturas do secretario e do presidente.
6) A administración da asociación, así como a súa representación, correspóndenlle ao Xunta Directiva.
7) Os membros do Xunta Directiva cesarán automaticamente no seu cargo no caso de baixa da asociación.
8) No suposto de dimisión do Xunta Directiva, convocarase inmediatamente unha asemblea xeral extraordinaria para a elección dun Xunta Directiva nova, debendo permanecer á fronte da asociación a Xunta Directiva dimitida ata a toma de posesión dos membros da Xunta Directiva nova.
9) O presidente ostenta en todos os casos a representación legal da asociación, incluso ante calquera xulgado ou tribunal de calquera clase ou xurisdición.
10) Nos casos de ausencia, enfermidade, falecemento, renuncia, finalización da súa condición de empregado público ou cese do presidente e mentres non se reintegre no seu cargo ou se escolla outro novo, a substitución realizarase polo secretario.
Artigo 18. O consello directivo reunirase en sesión cando sexa convocado polo presidente ou quen faga as súas veces, por iniciativa propia ou a petición da cuarta parte dos seus membros.
Para que o consello quede validamente constituído será necesaria a asistencia persoal do presidente, ou de quen o substitúa estatutariamente, e de, polo menos, a metade dos seus compoñentes.
Os acordos tomaranse por maioría simple dos asistentes, decidindo, en caso de empate, o voto do presidente ou quen faga as súas veces.
Os resultados das súas deliberacións e dos seus acordos serán transcritos no libro de actas que se levará a tal fin e serán referendados coas sinaturas do presidente e do secretario.
En caso de ausencia do secretario un dos membros designados polo presidente fará as súas funcións aos efectos exclusivos desa reunión.
Artigo 19. Os membros da Xunta Directiva deberán manter cos seus representados a comunicación necesaria que faga posible, por unha banda, a información dos asociados sobre aquelas actuacións da Xunta Directiva que pola súa natureza e relevancia deban ser coñecidas por eles; e por outra, recoller dos seus representados opinións, inquietudes e aspiracións profesionais e corporativas, para que poidan ser coñecidas e asumidas, no seu caso, polos órganos reitores da asemblea.
Artigo 20. Corresponde ao presidente:
a) Ostentar a representación da asociación en todas as súas relacións.
b) Abrir e cerrar as sesións da a Asemblea Xeral e da Xunta Directiva manter nelas a orde, conceder e denegar a palabra e dirixir os debates.
c) Autorizar coa súa sinatura as comunicacións, escritos e documentos da asociación que así o requiran.
d) Executar os acordos dos órganos representativos da asociación asinando cantos documentos públicos ou privados sexan necesarios ao efecto.
Artigo 21.
1) O secretario e o tesoureiro exercerán as funcións propias dos seus cargos respectivos.
2) Ao secretario correspóndenlle as funcións de coordinación e impulso da actividade interna da asociación. O secretario recibira e tramitara as solicitudes de ingreso, levara o ficheiro e o libro rexistro e asociados e terá ao seu cargo a dirección dos traballos administrativos da entidade. Correspóndelle, así mesmo, notifica-las convocatorias, custodia-las actas e expedir certificacións destas co visto e prace do presidente. O secretario tamén levará o inventario dos bens da asociación nun libro establecido para este efecto.
3) A disposición de fondos da asociación realizarase polo tesoureiro dentro das instrucións recibidas dos órganos reitores da asociación así como a dirección e vixilancia da contabilidade da asociación. A compravenda de bens, valores e efectos, a cesión de dereitos e o arrendamento daqueles, a constitución de hipotecas e a celebración doutras operacións de préstamo e crédito deberán ser autorizadas e decididas previamente, en forma expresa, polo consello directivo, consultado previamente á asemblea e coa aprobación maioritaria desta.
4) O tesoureiro ten a obriga de proceder ó peche do exercicio orzamentario antes do 15 de decembro, co fin de que as contas estean a disposición dos membros da asociación nos quince días anteriores a celebración da asemblea ordinaria.
CAPÍTULO VI
RÉXIME ECONÓMICO
DO PATRIMONIO E RECURSOS DA ASOCIACIÓN
Artigo 22.- No momento da súa fundación esta Asociación carece de patrimonio. O peche do exercicio económico coincidirá co do ano natural.
Artigo 23.-A asociación funcionará en réxime de presuposto anual, con partidas diferenciadas de ingresos e gastos. O borrador de presuposto será elaborado polo tesoureiro da asociación, que deberá telo preparado antes do un de xaneiro de cada ano, a fin de que poida ser aprobado na Asemblea Xeral Ordinaria.
Artigo 24.- A asociación manterase dos seguintes recursos:
1. As cotas periódicas dos/as asociados/as.
2. As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola asemblea.
3. As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.
4. Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da asociación.
5. Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.
Artigo 25.- A Asemblea Xeral Ordinaria, a proposta da Xunta Directiva, aprobará tanto as cotas ordinarias como as extraordinarias que non serán reintegrables en ningún caso. O recadado dedicarase a atende-las necesidades da asociación.
Artigo 26.-Anualmente, con referencia ó ultimo día do exercicio económico de cada ano, elaboraranse as contas, que se formalizarán nunha memoria, que será posta a disposición dos/as asociados/as, durante un prazo non inferior a 15 días ó sinalado para a celebración da Asemblea Xeral Ordinaria, que deberá aprobalas ou censuralas.
Artigo 27.- Para a disposición de fondos das contas que a asociación ten nas entidades bancarias será necesaria a sinatura conxunta do presidente e do tesoureiro.
Artigo 28.- Como entidade sen ánimo de lucro, en ningún caso poderán ser distribuídos entre os/as asociados/as os recursos obtidos pola asociación.
CAPÍTULO VII
DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO
Artigo 29.- O regulamento de réxime interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nestes estatutos, como o procedemento de elección dos membros da Xunta Directiva e o procedemento disciplinario, e non pode ir en ningún caso en contra do estipulado neles. En todo caso, o funcionamento interno da asociación estará sometido ó ordenamento xurisdicional civil.
CAPÍTULO VIII
MODIFICACIÓN DE ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN
Artigo 30.- Os ditos estatutos só poderán ser modificados por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto, adoptado polas 2/3 partes dos asociados. A proposta de convocatoria deberá ir acompañada do texto das modificacións propostas.
Artigo 31.- A asociación disolverase voluntariamente por acordo dos asociados adoptado polas 2/3 partes dos asistentes á Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto.
Artigo 32.- Acordada a disolución, a Asemblea Xeral Extraordinaria designará tres asociados/as liquidadores, que xunto o/a presidente e o/a tesoureiro/a, procederán para efectua-la liquidación dos bens, pagando débedas, cobrando créditos e fixando o haber líquido resultante.
Artigo 33.- O haber resultante, unha vez efectuada a liquidación, doarase a outra asociación non lucrativa e inscrita na comunidade autónoma que teña iguais ou similares fins que os desta asociación.
O xustificante da doazón será presentado no Rexistro de Asociacións correspondente para proceder á inscrición da disolución da asociación.